domingo, 13 de abril de 2014
amor en ramos
COMENTARRIO LITERRARIO
Unha amiga entrañable escríbeme cartas parviñas e con elas mantén disque o noso amor. Si, si, a base de palabriñas. E cando non lle abondan as súas, recorre aos clásicos e pode chegar a dicirme, sen mencionar nin ao autor, cousas coma estas:
A mellor forma de quereres
é deixarme que eu te queira.....
Así, sen previo aviso, eu alucino. Deixarme que te queira? Ignoraba que había que pedir permiso. Na miña terra cando queres alguén, quérelo e punto, nin se che pasa pola cabeza que che teñan que deixar! Poste a querer con forza e fóra. Querer non ten mal ningún. Que se saiba, non lle fai mal a ninguén. O querer, coma o falar, non ten cancelas e todo o mundo asume isto coa mesma facilidade coa que unha galiña sobe ao pau dun galiñeiro para poñerse a clocar. Querer é algo espontáneo e libre. Non libro, libre. E mira ti que vir no libro dun "clásico" semellante tolería, déixame fóra do eixo.
E digo eu, ese permiso para que un poida querer, onde o expiden? Na xefatura de tráfico anímico ou nunha delegación territorial de minusválidos emocionais? E, unha vez que o consegues, que podes facer con el que non puideses xa facer antes?
A ver, dime, é así como me queres?
Entón non me queres nada!
Se a túa forma de queréresme é deixarme que eu te queira, vaia forma de querer!
E o mamalón son eu por andar a meditar en permisos selados e tramitados no baleiro.
Si, ás veces chegan cartas que abondo tiñan con seren telegramas.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)