sábado, 24 de marzo de 2012

antes de quedar frito


aquilo era un rosario interminable de mamonadas sen máis misterios que os que se poden chegar a deducir do fraude en que cada quen anda embarcado cada vez máis lonxe de si mesmo.........vouche dicir algo: es moito máis guapo en PERSOA que na realidade.........baila o que queiras con quen queiras ata caeres de cú feito po, ninguén vai pasar a aspiradora.......................ollos que non ven, corazón disidente.......................isto pásame por ir de orgonautaautónomo no medio e medio de orangulandia......................os semáforos están todos en ámbar negro, que pasen as cadeiras de rodas e os cans dos cegos..........................fumei un puro a máis velocidade da permitida e collín un grandioso atranque pulmonario................adeus, meu ego, lonxe de aquí poderás durmir tranquilo.................... ..........................non te asustes se non me atopas ao espertares.....................estarei fabricando coas miñas mans de aeroplano unha nube para pasado mañá.............hoxe non virei comer, tomarei un bocado de ar putrefacto das chemineas que aínda están 
por desmoronarse.................conseguirei como sexa transformalo en caviar de adverbios de dúbida e posibilidades...................................... unha soa cullerada encherame os tanques de electricidade.....................querería darche un beixo de mel centrífugo sobre un flan de xelatina de queroseno pero só me quedan de coco deshidratado recheos de desepero...................hoxe todo o día tiven medo ata de min mesmo..................as unllas do alcatrán practican rabuñaduras de estrañamento................dos sorrisos só quedan minas de ruínas vindo abaixo......................choven negróns.....................e recibos da luz.............



raspaduras de fotóns




sábado, 17 de marzo de 2012

martes, 13 de marzo de 2012

canción manipulada

Oh, deus! oh, pobre de min! oh, malpocada!
Casei co fillo do porco!
Casei co fillo do porco!

Por que? Por que? Por que?



Topeino na noite
na lúa no céo!
Beixoume na noite
e uninme a el no seu cortello!


Oh, deus! oh, pobre de min! oh, malpocada!
Casei co fillo do porco!
Casei co fillo do porco!

Por que? Por que? Por que?


Porque coidaba que tiña que facelo!
Porque foi el quen lle aprendeu
como amar e como morrer!
E mañá non me doerá
non, non me doerá
cando o leve ao matadeiro!
cando o leve ao matadeiro!

Por que? Por que? Por que?

PARÁFRASE EN FEMININO DUNHA CANCIONCIÑA DE GREGGORY CORSO

martes, 6 de marzo de 2012

poeta lila



POETA LILA

Poeta lila, o peito de pulgón
próeche,
poeta picado, a vida bole
e as vilas arden ( e con elas a cidade)
e o céo esquece a choiva,
as túas plumas de pavo apenas rozan a epiderme da agonía.

Deserto, deserto, ollos fumigando
sobre os piñeiros substraídos,
cabeleira de xeada, os poetas
xogan a esganar cabalos, cans
(e aprópianse alegremente de toda a zooloxía)

Os ollos rabean, as linguas lamben o baleiro
o céo escoa nas orellas
como unha brevaxe de síntese e poliuretano
estou a prolongarme nos vosos dentes
homes, corazóns de sosa cáustica rebrandecida.

PARÁFRASE DESCARADA DE A. ARTAUD: Poète noir


retrato de A.Artaud de Fernando O'Connor




sábado, 3 de marzo de 2012

sentidiño



Todo o que non podemos percibir polisensorialmente
claro que existe
pero só de maneira virtual.

Carece de profundidade
e, por tanto, carece de verdade.

Estamos a falar de fenómenos mentais, míticos, non empíricos.
que pertencen ao territorio da abstracción.
Ese non lugar onde sempre ten posta a tenda de campaña
a máis louca insania,
esa interferencia que carece de soporte material
para ser tocada
para ser oída
para ser vista
para ser gustada
para ser ubicada
para ser ulida
de maneira simultánea.

Se cadra, é por iso que a sinestesia cobra tanto interese.
Da súa man podemos levar a percepción
ao territorio do mito como quen
soñando
con plena consciencia de estar soñando
ten un soño
dentro doutro.




Soño nº 6 
Óscar Méndez Lobo