POETA LILA
Poeta lila, o peito de pulgón
próeche,
poeta picado, a vida bole
e as vilas arden ( e con elas a cidade)
e o céo esquece a choiva,
as túas plumas de pavo apenas rozan a epiderme da agonía.
Deserto, deserto, ollos fumigando
sobre os piñeiros substraídos,
cabeleira de xeada, os poetas
xogan a esganar cabalos, cans
(e aprópianse alegremente de toda a zooloxía)
Os ollos rabean, as linguas lamben o baleiro
o céo escoa nas orellas
como unha brevaxe de síntese e poliuretano
estou a prolongarme nos vosos dentes
homes, corazóns de sosa cáustica rebrandecida.
PARÁFRASE DESCARADA DE A. ARTAUD: Poète noir